Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo

CONSELLOS PARA PAIS E NAIS

A influencia da familia é decisiva para formar lectores que desenvolvan a práctica da lectura ao longo de toda a súa vida e non só durante o período escolar. Vós pais e nais, xogades un papel moi importante no desenvolvemento dos hábitos lectores dos vosos fillos e fillas.

Por todo isto, indicámosvos uns poucos consellos para seguir cos nenos e nenas na casa, que axudan a fomentar o hábito e o interese pola lectura :

1.- Buscade un tempo e un lugar para ler todos os días cos nenos ou nenas, sen que a lectura teña relación coas tarefas escolares.

2.- O exemplo é importante, os nenos e nenas imitan o que ven. Vervos ler un xornal, unha revista ou un libro , demostraralles que para vós ler é gratificante.

3.-Lede xuntos, sobre todo nas primeiras etapas, nas que os nenos e nenas non son lectores autónomos. Sentádevos preto e lede para eles ou para elas.

4.- Facede da lectura un tempo divertido. Cando os nenos e nenas son pequenos/as pódenselles ler as historias xogando coa voz ou entoando poemas ou cancións.

5.- Calquera motivo pode ser bo para ler: unha excursión, facer un postre ou coñecer as regras dun xogo. As guías, os receitarios, os sornáis, as instrucións ou a publicidade axudan ao neno e á nena a comprobar que ler é importante para calquera actividade.

6.- Preguntade ao neno ou á nena polas súas lecturas. Se vos interesades polos libros que len, poderedes axudarlles a ser lectores/as activos/as.

7.- Reservade tempos de lectura na casa. Incorporádeos ás rutinas de cada día. Facede imprescindible este hábito, axudará aos nenos e ás nenas a valorar os momentos de lectura.

8.- Cando os nenos e as nenas xa saiban ler, seguide compartindo a lectura en familia. Gústalles escoitar historias lidas en voz alta a calquera idade e seguen necesitando do noso estímulo.






0 comentarios: